Que teñen en común Pau Gasol, Luis Figo e Anatoly Karpov? Os tres son deportistas, mais hai outra cousa que os une: son embaixadores de boa vontade de UNICEF porque cren que o deporte pode axudar a que o mundo sexa mellor. E non son os únicos; moitas persoas, deportistas famosos e non tan famosos e incluso xente á que non se lle da demasiado ben o deporte están convencidos de que, ás veces, a mellor forma de que a humanidade avance pode ser tamén o modo máis divertido.
Co deporte, as persoas gañan
![]() |
| © UNICEF/HQ/00-0740/Giacomo Pirozzi |
| Foto tomada en Lesotho no ano 2000 |
A diferenza entre facer deporte e “pasar o tempo” está clara. Os xogos e os deportes divírtennos e ao mesmo tempo axúdannos a manternos sans. Practicando deporte a xente coñécese entre si e favorécese a convivencia, as socialización e o bo humor. O exercicio fai ademais que o corpo libere substancias que fan que nos sintamos mellor e máis felices, aloxándonos da depresión, do illamento e axudándonos a ter máis enerxía e unha maiorcapacidade de memoria e concentración.
Ao participar nun deporte achegámonos a outras persoas, xa sexa para xogar en equipo con elas ou para telas coma contrincantes. Isto favorece outras formas de participación e axúdanos a integrarnos na comunidade á que pertencemos.
O deporte, ademais, permítenos superarnos. A través do adestramento podemos facer cousas que non críamos ser capaces de lograr. E ademais permite gañar e compartir con outros a ledicia do triunfo. Mais como non sempre se gaña, tamén nos acostuma a perder e fainos ver que no fondo non é tan importante saírnos sempre coa nosa. Incluso as grandes estrelas do deporte perden en moitas ocasións, e iso non lles fai ser menos grandes.
| Beneficios do deporte | |
| FÍSICOS: fortalece os ósos, os músculos e as articulacións; equilibra o peso e reduce a graxa; mellora o funcionamento do corazón e os pulmóns; favorece a coordinación dos movementos. | |
![]() |
PSICOLÓXICOS E SOCIAIS: favorece a capacidade de expresión, a autoconfianza e a interacción e integración social; reduce a tensión, a ansiedade e a depresión. |
Co deporte, os pobos tamén gañan
Do mesmo xeito que o deporte permite ás persoas aprender e superarse, tamén axuda aos pobos a desenvolverse e superar as dificultades. Non hai que esquecer que os países están formados por persoas e que progresarán na medida en que as persoas progresen.
O deporte une ás persoas máis alá das fronteiras, como ocorre nos campionatos internacionais, e sen importar as barreiras ou os prexuízos, como nos amosan os Xogos Paralímpicos. O deporte iguálanos ao resto dos seres humanos e ensínanos a respectar aos nosos adversarios pola súa habilidade e o seu esforzo, non pola súa cor, a súa relixión ou polo próspero que sexa o seu país de orixe. Ao participar en xogos e competicións decatámonos do que temos en común cos demais e isto é moi importante para a convivencia pacífica entre países e culturas diferentes.
Mentres xogamos non todo é prefecto, e ás veces xorden conflitos. Para gañar é necesario resolvelos con deportividade, sen danar ao opoñente e sen facer trampas. Respectar unhas regras durante os encontros e unhas normas de disciplina durante os adestramentos é fundamental para que as competicións deportivas sexan posibles, pero o respecto ás normas tamén é esencial para a convivencia na escola, no traballo, na rúa ou nos momentos de ocio. O deporte móstranos que non perdemos liberdade por ser respectuosos cos demais e que acatar as normas, cando esas normas son xustas e aceptadas pola maioría, é unha mostra de madurez que nos fai máis fortes, non máis débiles.Gañamos todos
![]() |
| © UNICEF/HQ/00-0740/Giacomo Pirozzi |
| Tres rapaces de Licata, ao sur de Sicilia (Italia), durante o descanso |
Millóns de persoas no mundo aprenderon xa cousas moi importantes grazas ao deporte. En África, Asia ou América os campionatos de fútbol serviron para favorecer a vacinación dos nenos pequenos, evitando así moitas mortes innecesarias. O deporte congrega a moita xente como espectadores, o que facilita que cheguen mensaxes de saúde ou de prevención de enfermidades a persoas que viven en lugares afastados e aos que é difícil chegar normalmente. Deste xeito, moitos rapaces están aprendendo a protexerse de enfermidades coma o SIDA, que é un perigo para a supervivencia de países enteiros.