Volver al Inicio
Página principal de UNICEF COMITÉ ESPAÑOL
Página principal de ENRÉDATE

IDIOMASRECURSOSNOVIDADESINSCRICIÓNXOGOSACTIVIDADES
EDUCACIÓN NENAS
  Prioridade de UNICEF
  ¿Qué mantén as nenas fóra da escola?
  Historias e testemuños
PROXECTOS EN MARCHA
MOBILIZACIÓN
COOPERACIÓN
 
Imprimir EDUCACIÓN DAS NENAS
 
 
¿QUE MANTÉN AS NENAS FÓRA DA ESCOLA?
En todas as rexións do mundo, a discriminación de xénero (discriminar polo feito de nacer nena) é unha realidade que afecta todos os aspectos da vida das mulleres e das nenas. Así, nenas e mulleres ven limitadas as súas oportunidades para desenvolverse plenamente como cidadás de pleno dereito.

No que se refire á educación, a situación é preocupante. Dos máis de 875 millóns de persoas sen estudios, dous tercios son mulleres; e dos máis de 120 millóns de nenos non escolarizados, o 70% son nenas.

Países en desenvolvemento. Taxa escolarización primaria feminina

Todas as nenas teñen dereito á educación. Cada nena que asiste á escola representa un importante paso cara á eliminación da pobreza, un avance cara á igualdade de xénero e cara a un desenvolvemento humano sostible; pero cada nena que non asiste ve negado o seu dereito á educación, aumenta as súas probabilidades de que no futuro sexa víctima da violencia e da explotación e de que a súa vida sexa menos sa e productiva.

As razóns da discriminación das nenas no acceso á educación son diversas, pero a máis importante delas é que as nenas e mulleres son discriminadas polo simple feito de naceren nenas

Nacer nena
En moitos países, a posición social inferior da muller leva á convicción de que a súa formación e educación son inútiles e, como moito, ensínaselles algo que lles poida servir á hora de converterse en nais ou esposas; só os rapaces entran no mercado laboral e son o axustador financeiro da familia. O papel das nenas redúcese a quedar na casa para limpar, a preparar a comida, a coidar das irmás e dos irmáns máis pequenos e das persoas anciás ou enfermas, ademais de a traballar fóra da casa, no campo, no mercado ambulante…

Ademais, as prácticas culturais e tradicións, como os matrimonios precoces, os embarazos adolescentes e as desigualdades de xénero na sociedade contribúen ós malos resultados das nenas e fórzaas a que deixen a escola.

Tasa escolariTaxa escolarización secundaria feminina

Educarse sendo nena
A discriminación baseada no xénero é un problema mundial e non se limita ós países nos que hai moitas nenas fóra da escola. En todas as rexións e países do mundo, e nos supostamente desenvolvidos tamén, cando as nenas van ó colexio loitan para aprender dentro dun sistema que non é adecuado ás súas necesidades. Estas son algunhas das razóns:

En moitos países, a ausencia de mulleres profesoras que lles sirvan de modelo fai que as nenas non asistan á escola.
A distancia das escolas fai que moitas familias se resistan a enviar as súas nenas ó colexio, xa que non ven con bos ollos que as nenas fagan ese longo camiño soas.
O profesorado, os currículos, os libros de texto, os procesos educativos e as relacións na clase reforzan os estereotipos de xénero, perpetuando un sistema discriminatorio cara ás nenas.
O temor, moitas veces real, a que as nenas sexan obxecto de abusos por parte dos profesores fai que moitas familias decidan non enviar as súas fillas á escola.
As facilidades escolares inapropiadas fan que moitas nenas abandonen a escola (falta de instalacións sanitarias, acceso a auga potable e WC separados para nenos e nenas, por exemplo).

Así, a educación non beneficia por igual a nenas e nenos. A falta de educación das nenas leva consigo a marxinación aínda maior das mulleres, incapacítaas para poder mellorar a súa situación e para tomar decisións importantes sobre a súa vida. Tamén lles impide ter os seus propios ingresos, crecer profesional e intelectualmente e, sobre todo, négalles un dereito fundamental para todo ser humano: o dereito á educación.


¿Que é necesario para superar esta situación?

Cada país debe actuar segundo as súas particularidades e as súas necesidades, en canto á educación das nenas; sen embargo, hai unha serie de medidas que sempre proporcionan bos resultados. Algunhas delas son:
  • Asegurar:
    - O acceso universal a unha educación primaria de calidade.
    - Libros, profesorado e currículos sensibles ó xénero.
    - Instalacións sanitarias, acceso a auga potable e WC separados para nenos e nenas.
    - Currículos adaptados á vida cotiá das nenas e dos nenos
    - Liberdade para que cada cal, independentemente de ser neno ou nena, elixa o que   queira estudiar.
    - O reforzamento pedagóxico para as nenas.
  •   Sensibilizar os gobernos, comunidades e familias sobre o valor da educación das   nenas.
  •  Pedir para que os gobernos gasten máis en educación e menos en cuestións bastante  máis prescindibles, como os gastos militares.
  •  Condonar a débeda externa de moitos países con serios problemas no acceso das  nenas á educación.
  •  Aprobar leis que protexan as nenas e as mulleres e que aseguren o gozo dos seus  dereitos, recoñecidos internacionalmente.



 
© enrédate con UNICEF 2003 | Recomienda esta página | Inicio